Xoxé Neira Vilas

Noticias de Colón. Por Xosé Neira Vilas

Publicado en El Correo Gallego

O temerario navegante que descubriu América en 1492 segue sendo unha incógnita; segue dando que falar. ¿Era xenovés, galego, catalán, mallorquín, portugués? ¿Era un corsario do Mediterráneo que loitou contra o rei Juan II de Aragón, ou un xudeo converso de Pontevedra que simpatizaba cos portugueses na loita dinástica entre Isabel e Xoana? Alejo Carpentier, autor da novela El arpa y la sombra’ non furga na orixe do almirante pero ofrécenos unha deliciosa narración sobre as trapisondas que protagonizou e incluso os debates no Vaticano sobre unha proposta de canonización do personaxe.

O Laboratorio de Xenética de Granada analizou, mediante o ADN, os supostos restos de Colón que se achan en Sevilla, e non se sacou nada en limpo. Di que, de non seren eses, puideran estar en Santo Domingo, e nin se ten en conta que de alí trasladáronos a Cuba e, que entre 1795 e 1898, a urna estivo na catedral da Habana.

Aínda que non nos importe maiormente o tema, moitos estamos convencidos da súa orixe galega. É difícil negar a veracidade nos estudios de García de la Riega, Zas, Marcote, Rey, Beltrán, Calzada, Valero ou Mosqueira. Sabemos das decenas de topónimos caribeños de orixe pontevedresa, e da lingua do Diario de navegación, e da nao La Gallega.

Agora vimos de ler La identidad de Cristóbal Colón (660 páxinas) de Alfonso Philippot, e tráenos a noticia de que o almirante era Pedro Madruga (o de Soutomaior, o conde de Caminha), o protagonista de tantos abusos e crueldades.

A tese de Philippot ratifícaa Xosé Espiño Mato no seu libro Cristóbal de Colón. Dinos que a casa de Soutomaior deu cinco almirantes: Paio Gómez Chariño, Alvar Pérez, Alonso Xofré Tenorio, Diego Furtado de Mendoza e Cristóbal Colón, ou sexa Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido por Pedro Madruga. Esta é a noticia máis insólita de cantas leva serrado o audaz navegante.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.