Alberto Estévez Piña

Publicado no xornal A Peneira, de Ponteareas, en dous capítulos en decembro de 1994 e xaneiro de 1995

I.- UN MISTERIO OCULTO ENTRE SOMBRAS

«A materia está esgotada, o problema resolto e non debe discutirse máis este asunto». Con estas palabras, así máis ou menos, finalizaron algúns autores no pasado século as súas diferentes teses sobre o discutido berce de Cristóbal Colón. Creo, polo contrario, que nunca finalizará a discusión, na que prevalecerán sempre opinións contradictorias e, en moitos casos, dificultada a súa admisión pola súa mesma falta de consistencia.

A afirmación de ser materia esgotada, coa que comeza este traballo mantíñaa hai agora cen anos Francisco R. Uhagón na súa obra La patria de Colón, segundo los documentos das ordes militares. A investigación deste autor foi o resultado do estudio das xenealoxías correspondentes, sobre o códice do índice dos cabaleiros que vestiran o hábito de Santiago. Neste caso, R. de Uhagón atopou a de Diego Colón, neto do inmortal navegante, co proceso que se lle abriu para a súa toma do hábito. Deste documento o investigador trasládanos ó pé da letra tres declaracións. A primeira, a de Pedro de Arana, que unicamente afirma oír dicir que Colón era xenovés, pero que non sabe de onde era natural. A segunda, máis explícita, é a de Rodrigo Barrena coa mesma afirmación, pero tamén so por oír dicir que Colón era do señorío de Xénova, da pequena localidade de Soana. Por último, a terceira, a de Diego Méndez, compañeiro de navegación do Almirante, que é a que poder ter máis importancia, na que di que Colón era natural da referida Soana, vila achegada a Xénova.

Claro que estas afirmacións non teñen máis fiabilidade que o creto que poidamos dar ás referidas declaracións, tendo a mesma posibilidade de credibilidade que outros testemuños, tamén procedentes de amigos e compañeiros de Colón, que tampouco aclaran moito, e así o recoñece no seus escritos o propio fillo do Almirante, Fernando.

Pero ¿como pode darse máis fiabilidade ás palabras antes mencionadas que ás do mesmo Colón, cando di de maneira terminante: «Sendo eu nacido en Xénova, vin a servir aquí en Castela… de Xénova, nobre cidade e poderosa por mar… dela saín e nela nacín»?
Xénova insistiu reclamando o privilexio de ser berce de Colón. Non conseguiron nunca sinalar con precisión a casa onde naceu, pero o Municipio comprou no ano 1887 pola cantidade de 31.500 pesetas (ó cambio desta data), unha casa na que se supuxo que o Almirante pasara a súa infancia e xuventude, cando o seu pai era tecedor de panos.

Por outra parte, no pequeno pobo de pescadores Cogoleto ou Cugureo, existiu no pasado século unha humilde casiña. Sobre a súa porta lucía o escudo de armas do primeiro Vicerrei e ó seu pé dicía: «¡Estranxeiro, detente! Aquí viu Colón a luz por vez primeira. Omaior varón do orbe viviu na estreitez desta casa. »

Non pasarei sen sinalar que a maior parte dos historiadores manteñen ser a referida Soana a patria de Colón, ós que se unía, coa súa tese de hai agora cen anos, o citado R. Uhagón. Soana alegaría como principal argumento o dar Colón o nome de Soana a unha das illas descubertas, o que quería supor fixo en recordo do seu lugar de nacemento.

Non sorprende que tamén nesta localidade se atopase unha casa que no lintel dicía: «longos anos meditando a súa atrevida concepción nesta casa xa de antes posuída por Domingo Colombo, habitou o inmortal descubridor da América que no medio dos grandes perigos da súa gloriosa empresa en recordo da patria deu o nome de Soana a unha illa do Atlántico».

Naturalmente, non pode quedar esquecido que outras moitas poboacións, fundándose en menores ou peores datos, reclaman a mesma gloria, avalando a súa tese por historias ou investigadores, non faltando quen sostivera que Cristóbal Colón fose grego, inglés, portugués e sobre todo galego-xudeu.

Falaba o dialecto xenovés, pero os seus escritos foron sempre en castelán-portugués, o que quere dicir algo. Retornando ó que ía, é necesario non pasar por alto a referencia da cidade de Calví-Córcega, para a que hai agora cen anos reclamouse tamén o referido honor.

Esta tese foi seguramente apoiada nos primeiros capítulos da Historia de Cristóbal Colón escrita polo seu fillo natural, Fernando, onde este fala da patria, do orixe e do nome do berce do seu pai. Pero todo o deixa en tebras e misterio, parecendo algunha vez querer descubrila e posibilitando ó final que unicamente se deduza que o seu pai non foi nacido en Xénova. Si. Remata sen declarar onde naceu cando di que uns o fan nacido en Nervi, outros en Cugureo, outros en Buggiasco (todas localidades achegadas a Xénova) outros din Soana e outros moitos xenovés. Déixase unha vez máis entre nubes a orixe e a patria de Colón, como se nada soubera diso ou como si, sabéndoo, lle interesase contribuír a mante-lo misterio.

Lembrarei que se cumpre agora un século das solemnes e brillantes festas que celebrou a localidade de Calví para conmemorar o cuarto centenario, sendo continuación das que se celebraran no ano 1886 co motivo da colocación dunha lápida que di: » Iie est ne 1441 Christophe Colome -inmortalisé par le découverte de Noveau-Monde-, alors que Calví était sous la domination Génoise,- morta á Valladolid le 20 mai 1506″ (**). Se esta lápida estivera protexida pola razón, resulta que España por un lado e Francia polo outro poderían reclamar ata certo punto, so seu, a Cristóbal Colón. España pode facelo con máis motivo aínda polos dereitos de posesión que entón tiñan en Córcega os Estados aragoneses, xa que alí ondeaba a bandeira das roxas barras, cando debeu ocorrer o nacemento do Almirante. Neste punto, o capelán Martín Casanova é quen tal vez máis fixo e con máis empeño traballou en favor desta tese, recollendo datos e documentos, solicitando o patrocinio e o concurso de tódolos cidadáns, dende a cabeza da Igrexa ata o máis humilde.

Deste empeño en investigar, sumado á constancia, dirixíndose a periodistas, literatos, historiadores, ministros, embaixadores e Xefes de Estado, removendo, en fin, ceo e terra para conseguir un só grito: ¡Colón nació en Calví!

A Revista de París e a Enciclopedia del siglo XIX- en Francia así como outros moitos xornais da época, aceptaron sen vacilar esta opinión. Naturalmente, en España algúns xornais sostiveron esta idea, sendo partidarios dela o Suplemento de Barcelona e o Diario de Cádiz.

Pero é un aragonés, senador do reino, Luís Franco y López, barón de Mora, quen primeiro admite as conclusións do capelán Casanova e as da a coñecer, aínda que no 1886 dirixiu na Real Academia da Historia co titulo de Cristóbal Colón español, nacido en territorio pertencente ó reino de Aragón e que por acordo da Academia, publicouse no boletín de outubro do citado ano.

É necesario finalizar lembrando a existencia duna poesía latina que moitos atribúen ó propio Colón. Está escrita de maneira parecida ás célebres Heroidas de Ovidio. Titúlase Cristóbal Colón a Córcega. Versificada así: : «¡Oh Córcega! Teu so nome non é Corisca xa que, divíndoa, atopase nel, Cor e Sica, corazón e puñal. «¡Oh Córcega! Por verme ti nacer é polo que Xénova, a miña fera madrasta, orixe dos meus males, foi para min un puñal. ¡Oh, ribeiras de Cessía! ¡Oh, Calví, a miña única delicia! Como me entristece o teu recordo en medio das miñas amarguras».

A composición prosegue explicando como pasou a Lisboa, onde sería rexeitado, o mesmo que en Xénova:  "¡De que me serviu -exclama- o irme a provocar os anoxos e furias do océano, expoñéndome a ser devorado polos seus monstros? ¿De que o recibir en Barcelona o título de Vicerrei e o de Gran Almirante da Hespania? ". A poesía finaliza con estes versos: "¡Oh, Córcega, se opós teu corazón e teu puñal ós nosos tiranos, serei vingado!"

Si. O berce de Cristóbal Colón, é preto despois de seis séculos un misterio, algo que parece máxico e profundo, oculto entre sombras.

II.- DOUS TUDENSES PAIS DA TESE «COLÓN GALEGO»

Ninguén pode negar os centos de nomes dados polo gran mariño nas novas terras, accidentes xeográficos da costa galega, praias, enseadas, ríos, illotes, pequenos portos e un longo etcétera de circunstancias de recordos de nenez e xuventude do Almirante. Devocións, pensamentos e palabras do pobo das Rías Baixas, perpetuados por un longo glosario de topónimos… Colón pensaba en galego; algo que anoxaba a Fray Bartolomé de las Casas. Si; evidentemente, non exercía dominio do castelán nin do portugués e, afirmativamente, nada coincidía de italiano.

San Salvador: 0 primeiro nome que impón de maneira reiterada é San Salvador. Illa de San Salvador, enseada de San Salvador e río de San Salvador. A posibilidade que San Salvador de Poio corresponda a súa parroquia de nacemento, sería razón sobrada para esta circunstancia. Repasando o calendario romano non se encontra ningún San Salvador e, fóra de Galicia, Estremadura e Biscaia (seguramente imposto este nome por galegos emigrantes,que foron substituídos por mozárabes e xudeus), non existe ningún lugar, zona ou pobo con esta denominación e, de maneira particular para o caso, en Italia non hai ningún con este nome. ¿Por que non lle puxo El Salvador? Cando se dirixe ós Reis Católicos con caligrafía netamente española e absolutamente distinta á italiana da época anunciándolles que tomou indios para «deprender nosa fala «, reafirma que a súa era a dos Monarcas, é dicir, o castelán.

A Española, A Galega e Santiago: Lembrarei que despois de cumprir con Reis e co Infante perpetuando o nome da Isabela, A Fernandina e A Xoana, puxo ás seguintes descubertas A Española, A Galega e Santiago. Outra vez se esquece da nomenclatura italiana por estes nomes de marcado honor español e eminentemente galegos.¿Por qué non lle puxo os nomes italianos, de Xénova ou de calquera dos tantos que se disputan seu berce? Acrecentarei que ó continuar o seu viaxe e descubrimentos, pon a outras terras nomes de varias cofradías de Pontevedra, como San Nicolás, Santa Catalina e San Xoán Bautista.

Colón acrecenta o seu lugar de nacemento: Ó falar da ría de Baracoa de Cuba, a bautiza co nome de Porto Santo, quizais por ser esta baía semellante á enseada de Porto Santo, Santo, de Pontevedra, lugar ó que se atribúe o seu nacemento, reafirmándose aínda máis a tese cando tamén pon os nomes dos catro pobos da ría de Pontevedra, San Salvador, Porto Santo, Cabo de la Galera e Punta Lanzada. Na rexión oriental de Cuba o Almirante, outra vez recorda os nomes da costa sur de Pontevedra con Caio Moa, río Moa e Serra da Moa. Si; sería interminable a relación de nomes coincidentes nos accidentes xeográficos daquelas e estas costas galegas,que os nosos lectores poderán coñecer polas importantes obras en defensa de Colon Galego, como Don Cristóbal Colón, súbdito de Dña. Isabel de Castela e galego de nación, de José Ramón Fontán e a de Alfonso Philippot Abeleda. A identidade de Cristóbal Colón. Por outro lado, ¿como dicíndose nacido en Xénova non escribiu nin unha soa palabra en italiano; e cando escribía en latín e non encontraba a palabra axeitada escribía en galego-portugués, é dicir castrapo?

«A Galega»: Construída en Arrabaldo da Moureira, en Pontevedra, A Galega, A Galega, rebautizada Santa María, a manda Cristóbal Colón e foi a Capitana, como logo habería de selo La Niña, perdida aquela en Haití en decembro de 1492.

0 cabo de San Telmo: Dí don Fernando: «Fue la última tierra que se perdió de vista el cabo de San Telmo… a veinte leguas hacia el noroeste». Atopámonos así o impor Colon ó último cabo, o nome dun santo eminentemente mariñeiro, patrón dos navegantes, conciliador de ventos e tempestades e santo patrón da cidade de Tui e a súa diócese. Os fogos de San Telmo, de orixe pagá na Idade Media, cristianizados e bautizados co nome do santo nacido en Frómista, ou tamén Corpo Santo, por considéralos parte do seu corpo, e un culto nado en Galicia, coñecido por tódolos gremios de mareantes e perpetuado nos sete mares.

Dí Eliseo Alonso na súa obra Baixo Miño e Costa Sur: «Por gracia desta fe mariñeira, Cristóbal Colón, na súa segunda viaxe, cando maior era a furia dunha tormenta, viu o corpo de San Telmo rodeado de sete cirios acendidos no tope do mastro, co seu prodixio tranquilizouse a tempestade, salvándose as carabelas».

Arribada en Baiona: Non é de estrañar que os mariñeiros da Pinta arribaran ó porto de Baiona o 10 de marzo de 1493 e mentres se reparaba, se desprazara a súa tripulación á Catedral de Tui para agradecer ó santo mariñeiro a protección recibida na perigosa travesía. Dela foran partícipes moitos galegos, entre eles, os destacados pilotos miñotos Cristóbal García Sarmiento e Sancho Ruíz de Gama. Seguramente non lle faría falta a Pinta, ó pasar un temporal e traer a nave avariada, e permitiulle por rumbo á costa que lle sería ben coñecida, desexosos de abrazar as súas familias e, sobre todo, para cumprir o desexo de Colón, que quizais quixo enviar a Pinta, capitaneada por Martín Alonso Pinzón para dar coñecemento da feliz nova a súa terra máis querida.

¿Colón ou Colombo?: 0 primeiro Almirante e Vicerrei das Indias é ¿Colón ou Colombo? Certamente, en tódalas actas sacadas dos protocolos notariais de Xénova e Soana, para demostrar que a xenealoxía de Colón e este son italianos, non se atopa o apelido Colón. Aparecen os coñecidos, Colombos e Columbos, pero non Colón.

Colón galego: 0 tudense Justo Eliseo foi o primeiro que pretenden demostrar a tese «Colón galego». Justo Eliseo y Barros, importante escritor e investigador nacido en Tui o 14 de xuño de 1862 e falecido en Vigo sen case contar corenta anos, foi o primeiro que sobre os anos 1895-96 quixo demostrar que Galicia era terra do nacemento de Colón. Publica os razoamentos da súa tese Colon Galego, na revista madrileña Alrededor del Mundo, do ano 1895, reproducida despois nalgúns periódicos galegos como o fixo El Independiente de Vigo.

0 tudense Castiñeiro Antelo descubre o primeiro documento nos arquivos do Concello de Pontevedra, o saca á luz, o tudense afincado en Pontevedra, Carmelo Castiñeiro Antelo , secretario da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, quen buscando obxectos que tivesen interese para o Museo da Sociedade que fundara co seu compañeiro Castro Sampedro e Folgar en 1894, viuse recompensado pola alegría do gran achado. Despois, como é coñecido, foron aparecendo outros documentos no que o apelido Colón aparece antes do ano 1405.

Ó facerse García de la Riega cos documentos tivo a desgraciada idea de retocar algúns, buscando que as reproduccións fotográficas aparecesen con máis claridade, aínda que sen alteralos o máis mínimo, co cal non fixo outra cousa que inutilízalos dándolles a posibilidade ós seus adversarios, Oviedo e Arque, Sérrano e Sanz e outros que tamén lle atacaron de maneira desapiadada, cualificándoo de impostor, falsificador, co cal a súa tese sufriu un duro golpe.

É importante sinalar que na revista Colombina Iberoamericana La Rábida, de data xaneiro de 1925, firmando polo xurisconsulto asturiano Rafael Calzada, afirma facer unha longa viaxe dende Arxentina, onde emigrara á caída da Primeira República, para chegar a Pontevedra, non só, di, para poder oír dos labios do propio señor de la Riega as súas afirmacións, senón para ver polos seus propios ollos as testemuñas en que se fundaba, atopándose, afirma, documentos aínda intactos sen ningunha clase de manipulación.

O doutor Rafael comezou en 1915 unha campaña pro «Colón Galego» dando conferencias en diferentes países de América e defendendo a tese en congresos e publicando un libro en 1924 onde fai mención da crenza de que dende os Reis Católicos vense falando de Colon como descubridor das Indias occidentais e non é así, di. Pasaron cerca de dous séculos do Descubrimento, para que se falase de Colon como descubridor do Novo Mundo. Efectivamente o nome de Colón tívose moi esquecido incrible e durante o século XVI a penas foi nomeado ou lembrado comezando a mencionarse no século XVII pola campaña do Cronista de Herrera e Tordesillas.

(**): » Nado en 1441 Cristóbal Colón -inmortalizado polo descubremento do Novo Mundo-, cando Calví estaba baixo a dominación xenovesa; morto en Valladolid o 20 de maio de 1506″

* Artigo propiedade de A. Estévez Piña e publicado en A peneira, http://www.apeneira.com

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.